Educación, Enerxía e Desenvolvemento Sostible
 
PRESENTACIÓN DO CONGRESO

Con este II Congreso Internacional de Educación Enerxética, que se celebrará nas Pontes de García Rodríguez entre o 27 e o 29 de Xuño de 2007, pretendemos continuar o traballo xa iniciado en Santiago de Compostela hai dous anos. Un traballo consistente na formación continua do profesorado, por medio de conferencias, obradoiros prácticos e saídas didácticas realizadas por destacados especialistas; e tamén, na promoción e intercambio de experiencias educativas, de divulgación e de xestión, a través da presentación dos traballos en formato comunicación ou póster.
Agardamos a participación dun elevado número de profesionais de diferentes especialidades e países e contamos co apoio das institucións galegas máis importantes no sector enerxético de Galicia: o INEGA (Instituto Enerxético de Galicia), a Axencia Provincial de Enerxía, a Dirección Xeral para o Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e o Concello das Pontes de García Rodríguez, onde se localiza unha das centrais térmicas máis importantes do estado español e onde vai ser inaugurado en breve o equipamento museístico coñecido como “A Casa da Enerxía”.
Parécenos que As Pontes é o lugar idóneo para a celebración deste segundo evento, en primeiro lugar, polas súas características socioeconómicas e, tamén, pola decidida aposta das autoridades locais no desenvolvemento de diversos equipamentos enerxéticos.
O Congreso conta co patrocinio e apoio de diferentes entidades públicas e a colaboración de diversos colectivos educativos, como o grupo cubano GEA (Grupo de Educación Ambiental), CUBAENERGÍA, ENCIGA (Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia), APETEGA (Asociación de Profesores de Tecnoloxía de Galicia), a Asociación “Curie”, de profesores de Física e Química, e o FORGA (Fundación para a Orientación Profesional, Emprego e Formación en Galicia).
Vai dirixido fundamentalmente a educadores de tódolos niveis e disciplinas, así como a xestores locais, traballadores dos medios, ambientalistas e, en xeral, a todas aquelas persoas interesadas nos diferentes aspectos da problemática e a xestión enerxética, concibidas no seu sentido máis amplo.
Durante os tres días de duración, pretendemos que se abra o debate fecundo de opinións e ideas entre profesionais e técnicos, que en moitos casos non teñen a ocasión de encontrarse, co obxectivo de incorporar na nosa práctica docente, no noso traballo nos concellos e nas institucións, as últimas innovacións sobre a temática enerxética, nas súas variadas manifestacións. Pretendemos, ademais, que o proceso non remate coa clausura do evento, senón que continúe con novos proxectos e actividades, para os que ofrecemos xa a nosa páxina web e o noso apoio de cara ás novas iniciativas que desexedes achegarnos.

 
Entidades Colaboradoras

 

Valid HTML 4.01 TransitionalTriple A - Test superado con éxito ¡CSS Válido!