A
NOSA PEQUENA HISTORIA
O Grupo de Educación Enerxética do Instituto
de Ciencias da Educación (ICE), da Universidade de Santiago de
Compostela (USC), xorde da cooperación entre esta institución
e o Instituto Superior Pedagógico “Enrique José Varona”
de La Habana; así como a partir das experiencias derivadas da coordinación
en Didáctica das Ciencias Experimentais e da creación do
grupo de investigación AECEGA (Avaliación do Ensino de Ciencias
Experimentais de Galicia), desenvolvidas ámbalas dúas no
ICE da Universidade de Santiago de Compostela.
Como produto de todo eso, organízase un primeiro Seminario conxunto
de Educación Enerxética, no ano 2004 na Habana, do que saen
as primeiras actas en forma de libro, co título de Educación
e Enerxía. Propostas sobre a Educación Enerxética
e o Desenvolvemento Sostible, na colección Informes e Propostas
(nº 16) do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico
da USC. Esta publicación foi o xermolo dun variado conxunto de
materiais cos que pretendemos colaborar na construción da moderna
Educación Enerxética, enmarcada na Educación Ambiental
coa finalidade de acadar un desenvolvemento sostible.
No ano 2005, o ICE da Universidade de Santiago de Compostela organiza
o I Congreso Internacional "Educación Enerxética e
Desenvolvemento Sostible", que cristalizou nun novo libro de actas,
coordinado polos profesores José Mendoza Rodríguez e Manuel
Antonio Fernández Domínguez, co nº 18 da colección
citada, baixo o título de Educación, Enerxía
e Desenvolvemento Sostible.
Un ano despois, en novembro de 2006, na cidade da Habana, desenvolveuse
o IV Taller Internacional “Educación Enerxética para
un futuro sostible”, onde foron presentadas unhas sesenta comunicacións
de seis países diferentes, cuio libro de actas está en proceso
de publicación.
A colaboración e apoio de institucións, como o INEGA (Instituto
Enerxético de Galicia), a Dirección Xeral de Desenvolvemento
Sostible da Xunta de Galicia, o Concello das Pontes de García Rodríguez,
así como de asociacións profesionais de carácter
educativo, como ENCIGA (Asociación de Ensinantes de Ciencias de
Galicia), APETEGA (Asociación de Profesores de Tecnoloxía
de Galicia), a Asociación “Curie”, de profesores de
Física e Química, e FORGA (Fundación para a Orientación
Profesional, Emprego e Formación en Galicia) está permitindo
que o proceso se afiance e incluso incorpore novas actividades. Dentro
destas, queremos subliñar un curso on-line de Educación
Enerxética, no que participan 28 profesores; o lanzamento dunha
web, que pretende ser un lugar de encontro para todos aqueles interesados
no estudo e perfeccionamento nestes temas; e o II Congreso Internacional
“Educación, Enerxía e Desenvolvemento Sostible”
(As Pontes, 27-29 Xuño de 2007), concibido para afondar no debate
enerxético e, sobre todo, na reflexión sobre os mellores
procedementos e metodoloxías co fin de incorporar estas cuestións,
que nós consideramos moi importantes, ao currículo escolar.
|